Geolinguistica Rotating Header Image

mar

Dicionario de ausencias (Arousa)

-Aguamorta: termo de uso na ría de Arousa para referirse ás medusas.

-Aguiuncho: cría de aguia, falcón pequeno.

-Alvado: vara do raño ou rasto. No e-Estraviz recóllese a entrada como cavidade onde entra o mango das ferramentas. (Tamén referido ás varas do raño, ver a entrada “xunguiño”).

-Avión: xogo de rapazas moi semellante ao “trúquel”, pero con outro debuxo no chan diferente.

-Azougar: axordar, causar desconcerto ou turbación a alguén por efecto dun berro ou dun ruído moi forte.

En 65 km de costa recollemos 1.600 topónimos, e hai para todos os gustos

En 65 km de costa recollemos 1.600 topónimos, e hai para todos os gustos

[reproducido de Cultura Galega, novembro de 2008]

Se xa na terra estamos ben servidos de topónimos, de xeito semellante na costa os mariñeiros de diferentes vilas dábanlle cadanseu nome aos mesmos lugares. “Que haxa máis dun nome para un mesmo lugar é bo e é normal en toda Galicia, tanto na terra coma no mar. Por exemplo un baixo que hai entre Monteferro e Estela de Terra para os de Baiona é o Baixo de Meixoeiro e para os de Panxón é o Baixo da Porta. E se accedesen a esa zona máis comunidades mariñeiras ao mesmo sitio tería tres ou catro nomes”. De feito, era habitual que moitos dos traballadores do mar levasen un caderno de notas nos que recollían apontamentos e esquemas da costa que lles permitisen localizar con exactitude os lugares onda a pesca era máis abondosa, e mesmo non era extraña a espionaxe e o emprego de códigos para evitar que se descubrisen estes espazos.

As orixes dos nomes
Entre as causas que lle outorgan un nome particular a unha zona específica atopamos toda unha variedade de posibles causas. Por unha banda están a propia forma dun lugar coma A Aguda, A Bañeira, ou Os Cuitelos. Tamén existen nomes que fan referencia á cor concreta dun espazo, como son os casos de Seixos Negros, Arribas Brancas ou A Laxe Rubia. Tamén se denominan os lugares a partir de ocupacións que nalgún momento se desenvolveron neles. A Salina, A Punta da Sentinela, ou A Fragua son algúns exemplos. Tamén houbo persoas que lle deron nome a lugares, coma nos casos de O Laño do Desiderio, A Laxe da Aurora ou A Laxe da Tía Casilda. As especies animais ou vexetais presentes nun lugar son outra característica pola que se bautiza un sitio. O Pintoeiro, As Centolas, O Rego da Londra, Os Xuncos, O Prixel ou Lourido son algúns destes casos.

Accidentes
Os accidentes laborais, en especial as artes de pesca ou as embarcacións que adoitan quedar danadas nun punto concreto deron tamén nome a accidentes xeográficos coma Os Ferranchos, Papachumbadas, O Gancho, Ferralemes ou Rapatimóns. Mesmo naufraxios concretos deixaron a súa pegada na nosa costa. A Pedra do Queimado débelle o seu nome ao naufraxio dun barco propiedade dun home con este alcuño. Co seu afundimento, o pesqueiro ABC cedeulle a denominación a un lugar, ao igual que a nave Cabo Oropesa cos Baixos de Oropesa.

Nomes comúns
De feito, en moitos destes topónimos consérvanse palabras específicas que para determinados accidentes xeográficos que pode ser difícil atopar illadas. No seu traballo, Vilar recolle nomes con significado propio no sur do país coma Allada, que significa mancha de area; Brugal, que identifica unha zona areosa do fondo do mar con restos de cunchas; Eiriña, que designa unha rocha plana, ou Olga, nome dunha rocha que queda cuberta coa baixamar pero que se pode ollar desde a embarcación. Como podemos ver, a concreción e especificidade destes nomes é verdadeiramente exhaustiva.

Campo aberto
Como amosa o completo traballo que publicou o Instituto de Estudos Miñoranos, co apoio da Deputación de Pontevedra e mais do Proxecto Ronsel, a riqueza deste campo está aínda pendente de se descubrir. Segundo defende Vilar, é o traballo de base, mediante colectivos locais, o máis efectivo e económico á hora de conseguir rexistrar a incrible variedade que agocha este campo. Toda unha riqueza asombrosa que, coma tantas outras, esmorece a miúdo na memoria dos máis vellos.